Alegacións o Regulamento de Participación Cidadá (IV)
Comezaremos por unha aportación feita respecto o artigo que garante o dereito de recibir información escrita:
Os/as cidadáns/ás poderán solicitar por calquera dos medios previstos na lexislación vixente, información sobre as actuacións municipais e os seus antecedentes e, en xeral, sobre todos os servizos e actividades municipais. As peticións de información deberán ser razoadas, salvo que se refiran á obtención de copias e certificacións de acordos municipais e antecedentes destes. Cando a solicitude faga referencia a asuntos da competencia doutras administracións públicas, a Oficina Municipal de Información e Atención á Cidadanía dirixiraa a quen corresponda, dando conta deste extremo á persoa interesada.
Artigo 9. Información escrita
Pois ben, non é conforme a lexislación vixente requirir que as peticións de información sexan razoadas.
O capítulo III da Ley 19/2013, de 9 de diciembre, de transparencia, acceso a la información pública y buen gobierno configura de xeito amplio o dereito de acceso á información pública, do que son titulares todas as persoas e que poderá exercerse sen necesidade de motivar a solicitude.
Propoñemos pois unha redacción moito máis sinxela e garantista dos dereitos:
A cidadanía poderá solicitar por calquera dos medios previstos na lexislación vixente información sobre as actuacións municipais e os seus antecedentes e sobre todos os servizos e actividades municipais. A Oficina Municipal de Información e Atención á Cidadanía dirixirá os asuntos da competencia doutras administracións públicas a quen corresponda dando conta deste extremo á persoa interesada
Proposta de Artigo 9
Cal pensades que é a redacción máis axeitada? Ten sentido que a normativa municipal sexa máis restrictiva que a estatal?