Alegacións o Regulamento de Participación Cidadá (VII)

Insistimos novamente no farragoso do texto proposto, e que parece redactado sempre na procura da limitación de dereitos. Por exemplo:

O Concello de Narón garántelles aos/ás cidadáns/ás do municipio o seu dereito á información sobre a xestión das competencias e servizos municipais de acordo coas disposicións legais, a Ordenanza de transparencia, acceso á información pública, reutilización de datos e bo goberno do Concello de narón, e a presente normativa, cos únicos límites previstos na lexislación aplicable.
O concello informará aos/ás cidadáns/ás da súa xestión a través dos medios de comunicación social, e mediante a edición de publicacións, folletos e bandos; páxinas web municipais e redes sociais; a colocación de carteis, paneis dixitais e valos publicitarios, taboleiros de anuncios e paneis informativos; proxección de vídeos, organización de actos informativos e cantos outros medios se consideren necesarios. Ao mesmo tempo poderá recoller a opinión dos/as cidadáns/ás e entidades a través de campañas de información, debates, asembleas, xuntanzas, consultas, enquisas e sondaxes de opinión.

Artigo 6. Dereito á información

Son varias as observacións:

  1. Debe eliminarse a referencia ó municipio. Pode haber cidadanía doutros concellos que teñan un interese lexítimo en obter información do funcionamento do concello.
  2. De nomearse a lexislación e non facelo na disposición adicional terceira, debe nomearse toda, incluída a estatal e autonómica que garante eses dereitos.
  3. Esa lexislación debe estar nunha disposición e non ser nomeada artigo tras artigo, se non é para darlle un maior contexto.
  4. O uso da linguaxe é coidadosamente escollido para non garantir dereito algún: «Poderá recoller a opinión»… poderá facelo… ou poderá non facelo.

Polo tanto, en troques dunha redacción longa e nada garantista, propoñemos a seguinte:

O Concello de Narón garántelle a cidadanía o seu dereito á información sobre a xestión das competencias e servizos municipais. Ao mesmo tempo recollerá a opinión da cidadanía e entidades a través de campañas de información, debates, asembleas, xuntanzas, consultas, enquisas e sondaxes de opinión

Proposta de artigo 6

Cal das dúas redaccións che parece máis axeitada?