As zocas viaxeiras
Noemi Cobelo – Esta semana estivemos de visita no Centro Comunitario «Manuela Pérez Sequeiros» da man da súa coordinadora Diana Lata, que nos falaba da gran iniciativa que se está a levar a cabo dende o centro e que leva por nome «Buscando Artistas».
O seu principal obxectivo, como ben indica o seu nome, é dar a coñecer e dar visibilidade a artistas da nosa comarca. Para levalo a cabo dispoñen, de maneira gratuita, dun amplo espazo para facer as exposicións.
Horario de visitas
Contábanos Diana que, ata finais de febreiro e cun horario de luns a venres de 09:00 da mañá a 21:00 da tarde, pódese visitar a exposición «As
Zocas Viaxeiras».

Contexto da iniciativa
E vos preguntaredes quen está detrás desta fermosa iniciativa. Eles son Luis, Mar e Soraya, que non tendo nada que ver as suas profesións co mundo fotográfico, hai xa 3 anos decidiron comezar a publicar as fotografías que facían nas súas rutas e visitas por Galicia, dándolle ás mesmas un toque máxico con algo tan noso como as zocas.

As zocas viaxan con eles para poñerlle, se cabe, máis maxia ás fermosas paisaxes e recunchos que temos na nosa marabillosa terra. E non o fan soamente por Galicia, senón que percorren moitos máis lugares, como se pode observar nas imaxes.

Contan xa con máis de 6.000 seguidores nas redes sociais e moitas exposicións ás suas costas. Eles mesmos din estar moi sorprendidos coa acollida que están a ter.
Non o esquezades: ata finais de febreiro podemos desfrutar de moitas das súas fermosas obras no Centro Comunitario «Manuela Pérez Sequeiros». Dende Ágora Narón animámosvos a visitar esta exposición, xa que é unha fermosa maneira de coñecer lugares da nosa terra e de dar apoio aos nosos artistas.

Exposición de obras de artistas
E recorda: se es artista ou coñeces a alguén ao que lle poida interesar expoñer as súas obras, poñédevos en contacto a través de:
- altocastano@domusvi.es
- no teléfono 981 102 152, en horario de mañá.
O centro está na Rúa Rafael Barez, número 30, 15570 Narón, A Coruña.
Queremos dar as gracias a «As Zocas Viaxeiras», a Luis, Mar e Soraya, por cedernos as súas fotografías e mostrarnos tantos lugares. E, por suposto, tamén a Diana Lata, coordinadora do centro por recibirnos.